Música tradicional e ilustración súmanse ás críticas ao Plan de Reactivación Cultural

Trescentos colectivos vencellados ao son e o baile populares únense nunha reivindicación común

Un total de 300 entidades "que representan a lo menos a 20.000 persoas ligadas á música e ó baile tradicionais" solicítanlle á Xunta de Galicia a adopción de medidas específicas para o sector por mor da crise da Covid-19. Nun comunicado conxunto remitido este 25 de maio, esta plataforma, que se desenvolveu a partir unha convocatoria da Asociación de Gaiteiros Galegos, lista unha serie de propostas que, segundo sinalan "non se contemplan no Plan de Reactivación para os Sectores Cultural e Turístico proposto pola Xunta de Galicia", e para as que solicitan apoio de goberno galego, deputacións e concellos.

Entre as iniciativas presentadas coma urxentes atópase a solicitude de axudas económicas a asociacións culturais, a reclamación de facilidades para reprogramar actividades suxeitas a axudas, convenios e subvencións, ou o garantir o acceso a locais de ensaio onde os colectivos deste tipo poidan manter a súa actividade habitual.

A máis longo prazo, as entidades asinantes coinciden na necesidade da "creación dunha plataforma que aglutinará a todo o sector tradicional" na que aseguran xa estar a traballar. Liñas de axudas económicas específicas, a posta en marcha dun "Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega que recolla anualmente datos de tipo económico e social", e mais o apoio a proxectos de investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial "dentro dos Conservatorios Superiores, as Universidades galegas e outras institucións públicas ou privadas" coma o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego son outras das reivindicacións. O comunicado sinala que o sector continúa a traballar "na creación dun documento final que reúna todas as propostas e que se presentará ás distintas institucións para impedir que o sector da cultura tradicional quede abandonado".

Tamén desde o seu ámbito específico a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración denunciou o seu desacordo coas medidas propostas pola Xunta para reactivar o sector cultural. Segundo o comunicado deste colectivo "o devandito plan preséntase como ambiguo, insuficiente e pouco adaptado á realidade dos profesionais da creación gráfica e da ilustración". Máis polo miúdo, a entidade denuncia a "ausencia de medidas específicas de protección e apoio a creación gráfica e a ilustración", así como a "falta de concreción das axudas de apoio á produción de libros" e mais das destinadas á creación no ámbito artístico. A considerar que o texto da Xunta non se adapta á realidade do sector, a Agpi amósase disposta a colaborar coa administración para mellorar as medidas.
Comunicado de colectivos da música tradicional a reclamar medidas pola crise da Covid-19.